Buscar neste blog

venres, 23 de febreiro de 2018

Día de Rosalía

Hoxe pola mañá o CEIP de Ponte Sampaio festexou o acto de conmemoración do Día de Rosalía. Levamos xa uns anos celebrando este acto no colexio, pero era a primeira vez que acudían  representantes de pais e nais para facer unha lectura en familia para toda a comunidade dunha pequena selección de poemas de Rosalía de Castro.
De tal xeito, representantes do alumnado xunto con algún dos seus proxenitores e representantes do profesorado leron poemas de Rosalía e cantaron Adiós ríos, adiós fontes a ritmo de pandereitada.
Con esta pequena conmemoración pretendemos render a nosa máis sincera homenaxe a Rosalía de Castro, unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. A valoración da obra rosaliana e a mitificación da escritora producíronse despois do seu falecemento, posto que ao longo da súa vida esta foi permanentemente menosprezada e marxinada e foi necesario agardar ata o século XX para que recoñecesen en Rosalía a unha creadora e hoxe en día está considerada a escritora galega máis universal.
Actos como o noso supoñemos que se levaron a cabo en moitos centros educativos de Galicia e mañá levaranse a cabo en entidades, asociacións… co fin de abrirlle a fiestra a Rosalía de Castro, xa que como di María Reimondez nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento.
Ademais para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a Asociación de Escritores en Lingua Galega propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor e nós sumámonos a esta iniciativa, agasallándo cunha pequena flor e un poema de Rosalía ao nosos lectores. E despois o alumnado de infantil tamén levou para casa unha flor e un poema de agasallo para eles e as súas familias.

Nesta actividade participou toda a comunidade educativa e foi moi gratificante e enriquecedor para todos.









Ningún comentario:

Publicar un comentario