Buscar neste blog

martes, 27 de novembro de 2018

Magosto 2018


Por fin chegou o magosto unha das festas máis esperadas ! Aínda que este ano o magosto no  cole veu con novidades ! Nesta ocasión contamos coa colaboración das familias para facer os xogos populares  mentres agardábamos polas ricas castañas asadas!

Os xogos populares comezaron á hora do recreo, libremente o alumnado foi rotando polos diferentes xogos. En cada un dos postos había familiares que realizaban xogos tradicionais e lle explicaban como xogar.

Tivemos carreiras de sacos

Xogos con carozos

A billarda

Os zancos

A mariola

As chapas

O Aro

Tamén xogamos ás “canicas”, coa goma e ó marro.
Despois de tanto xogar, estábamos preparados para tomar e saborear as castañas asadas, cada unha das clases elaborou recipientes do máis orixinais para recoller as castañas.
Por último, cando as cinzas e o carbón estaban fríos,  “enfarruscámonos”  as caras e as mans, moi poucos se salvaron! Ata as mestras e mestres remataron “enfarruscados”!


xoves, 22 de novembro de 2018

Xornadas Micolóxicas

O pasado martes 13  de novembro o alumnado de 6º de infantil e 1º de primaria,  recibimos a visitade Jaime  da Asociación Brincabois, uns expertos en cogomelos, que nos viñeron a ensinar as partes do cogomelo, os tipos, os nomes, as historias dos nomes...e moitas cousas mais!






Despois de facernos unha pequena introdución do mundo dos cogomelos, fomos polos arredores en busca de novas especies co noso ax. Ao principio custounos un pouco atopalos, pero pouco a pouco observamos que os cogomelos crecían en certas zonas, e moitas veces a carón das árbores....                así que pronto comezaron a aparecer unha chea deles!.



Na nosa aventura micolóxica chegamos ata a Illa do medal, alí atopamos novas especies de cogomelos e tamén champiñóns! As nosas cestas estaban cheas, o experto díxonos que o tempo e o clima era ideal e por iso atopamos tantos cogomelos!


Ao volver ao cole e coa axuda do noso experto elaboramos unha exposición onde se mostraban todas as especies recollidas cos seus nomes e  o seu valor culinario.
O obradoiro impartido pola asociación Brincabois en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística foi todo un éxito!

A continuación deixámosvos un enlace do xornal PontevedraViva que tamén recolleu a nosa saída e un pequeno vídeo sobre a nosa aventura.

https://s27.aconvert.com/convert/p3r68-cdx67/ll32g-3w4hh.mp4

https://pontevedraviva.com/xeral/50162/ninos-colegio-ponte-sampaio-salen-recoger-setas/

mércores, 14 de novembro de 2018

Samaín!


Boas a todas e todos! Aquí estamos de novo para contarvos como foi a festa do Samaín no noso cole.
Ó longo de toda a semana realizamos diferentes actividades nas aulas: cancións, conxuros, contos, talleres de tallado de cabazas coas familias de Educación Infantil...

Tamén realizamos obradoiros nos que participou o alumnado de todo infantil e 1º 2º e 3º de primaria. En grupos, formados por nenas e nenos de diferentes cursos, fixemos os seguintes talleres:


De artesanía terrorífica, onde se  elaboraron momias.


De conxuros maléficos...
De cociña nos que o alumnado  elaborou galletas espantosas...



Unha xincana de xogos fantasmagóricos...





De maquillaxe de terror...




De contos de medo...







O día grande da festa, o 31 de outubro,  todo o cole se disfrazou para acudir á gran festa do Samaín, pero antes da festa tocou cociñar un pouquiño elaborando en cada unha das aulas os seguintes pratos terroríficos:
Mandarinas maléficas, plátanos pantasma e galletas que se converteron en temibles arañas.



Despois do recreo, chegaba o momento decisivo do Samaín, cruzar  o túnel do terror...
 As nenas e nenos do cole foron moi valentes e decididos, aínda que algúns pasaron un pouquiño de medo.
Por último algúns cursos realizaron actuacións para amenizar a nosa festa de Samaín.











martes, 23 de outubro de 2018

Xuntos Facemos Camiño!!!


Con este lema damos comezo ó noso proxecto de centro para o curso 2018/2019, que vai dedicado  ao Camiño de Santiago  portugués.
 O pasado martes 16 de outubro, alumnado e mestres  do CEIP Ponte Sampaio iniciamos o noso proxecto facendo un tramo do Camiño que pasa pola nosa localidade. 





Saímos ás dez da mañá e volvemos preto das dúas da tarde. Na nosa andaina  fomos seguindo as indicacións e sinais que seguen os peregrinos, algunhas delas estaban nas rochas ou nas árbores...






 Tamén observamos a fermosa paisaxe pola que pasa o camiño, a ponte romana e algúns “monumentos feitos polos peregrinos”.





Chegamos ata  unha “Parada no Camiño” no lugar de Cacheiro, alí vendían froita e auga para os peregrinos, ademais é o lugar onde coloca os selos  nas credenciais dos peregrinos. A nós estampáranolas nas mans e nos brazos.






A nosa  andaina foi tan importante que incluso saímos nos periódicos. A continuación quédanvos os enlaces para que poidades visitar as noticias.



Seguiremos informando, estade atentas e atentos!

Un saúdo dende  o EDLG!

luns, 18 de xuño de 2018

Benvidos

Benvidos todos os que vos achegades a este novo blog.
Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP de Ponte Sampaio queremos ofrecervos unha serie de recursos que poidades aproveitar tanto pais/nai, mestres/as, alumnos/as; e por suposto tamén estades convidados a facer todas as achegas que consideredes oportunas.


Recomendacións de lectura para o verán



martes, 1 de maio de 2018

María Victoria Moreno



No colexio estamos traballando arreo para aprender máis sobre a figura de María Victoria Moreno.

Podedes ir lendo aquí algunhas cousiñas desta gran escritora, gran mestra e gran persoa.



Aínda que ela afirmaba que viñera ao mundo en 1941, a verdade é que Ana María Victoria Moreno Márquez naceu en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939.
Esta pontevedresa de adopción chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas. Isto permítenos definila como "galega de elección".
“Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía […]. A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, declaraba María Victoria Moreno, en 1993, no congreso Poetas Alófonos en Lingua Galega.
En 2018 é a figura protagonista do Día das Letras Galegas e isto convértea na cuarta muller -tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño- que leva ese recoñecemento na historia da celebración.

Os primeiros anos de vida pásaos en Valencia de Alcántara. En 1943, múdase coa familia a Segovia e alí fica ata que falece o seu pai, en 1949. Ese mesmo ano trasládase a Sepúlveda coa nai, onde esta exercerá de mestra. En 1951, grazas a unha bolsa de estudos, pode marchar a Barcelona para cursar o bacharelato e alí aprende catalán e francés, ademais de descubrir a literatura ao ler o Quixote e O principiño, que se converterán nas súas obras favoritas.
Entre 1958 e 1963 cursa estudos de Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e especialízase en Filoloxía Románica. En Madrid colabora coa ONCE traducindo e lendo libros para persoas invidentes e é entón cando coñece a José Luis Llácer. Casan ao remataren a carreira e trasládanse a Pontevedra, onde el traballará no Colexio da ONCE ata o seu falecemento en 1996 e ela, como profesora interina.
Logo de aprobar as oposicións en 1965 e de impartir clase durante dous anos no Instituto Masculino de Lugo (hoxe Lucus Augusti), e durante catro en Vilalonga (Sanxenxo), volve á Cidade do Lérez, onde dará clases no Instituto Feminino (o actual Valle-Inclán) e no IES Torrente Ballester.
En 1973 inicia o proceso de adopción dos seus fillos, Begoña e Carlos Alberto, que conclúe dous anos despois. En 1996 morre o seu home e en 1997 diagnostícanlle cancro de mama a ela. En 2002, inicia unha relación co capitán da mariña mercante de orixe cubana Pedro Ferriol que culmina en voda en maio de 2003. María Victoria Moreno falece en Pontevedra o 22 de novembro de 2005.

Narradora en galego
María Victoria Moreno é unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil. Mar adiante (Edicións do Castro, 1973) é o seu primeiro libro na lingua propia de Galicia. Ilustrado por ela mesma, inclúe o relato “Crarisca e luceiro”, que un ano antes gañara o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho”. Nel defende unha escola diferente, en contacto coa natureza, baseada no respecto, no agarimo e no gozo de aprender.
En 1979 publica O cataventos (que xa acadara o primeiro premio no concurso da Agrupación Cultural O Facho) e en 1983, A festa no faiado. En 1986 sae do prelo o seu libro preferido, Leonardo e os fontaneiros (Galaxia), obra coa que gañou o terceiro premio de O Barco de Vapor en 1985. Nesta novela plasma o seu amor polos animais, igual que en E haberá tirón de orellas?, de 1997.
Porén, é Anagnórise (Galaxia, 1988) a obra que lle permite obter un dos maiores éxitos da literatura xuvenil na nosa lingua, pois en moi pouco tempo publicáronse 20 edicións da novela e mesmo chegou a ser incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) en 1990.
Con Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), outra historia coa que demostra a súa capacidade de chegar ao público adolescente, entrou na prestixiosa listaxe internacional de White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002.
Un par de anos despois sairía do prelo unha das súas obras para público adulto, Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), onde reflectiu a experiencia da enfermidade que acabaría pouco despois coa súa vida.
No libro Eu conto, ti cantas... (Xerais, 2005), o último que chegou a ver publicado, compila tres historias en verso nas que os animais son protagonistas.

Paixón docente
María Victoria Moreno soubo tamén transmitir a paixón pola lingua e a literatura galegas como profesora, tanto nos cursos semiclandestinos que impartía gratuitamente nos anos 70 en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Ourense, que lle supuxeron a retirada do pasaporte en represalia, como nas clases oficiais de Lingua e literatura españolas que deu durante décadas no ensino secundario (xa durante a ditadura, María Victoria Moreno dedicaba os venres parte destas clases a ensinar a literatura galega). Buscaba un método de ensino que lle permitise ao seu alumnado gozar da aprendizaxe e que cambiase as prohibicións, a censura e o medo pola liberdade e os xogos.
Xunto con Xesús Rábade e mais Luís Alonso Girgado publica a mediados dos 80 libros de texto que aínda hoxe son un referente. Froito da necesidade de manuais nun momento en que estas materias se estaban a implantar nos centros, son á vez unha mostra da súa paixón polo ensino. Tamén escribirá outras obras de carácter didáctico, como As linguas de España e Verso e prosa (Xunta de Galicia, 1991).

Tradutora, libreira e editora
A tradución é outro terreo no que María Victoria Moreno realizou achegas destacadas. Anosou obras do catalán como Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo (Galaxia, 1989), e realizou as traducións ao castelán da antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973).
En 1968 abriu a canda outros intelectuais a libraría Xuntanza de Pontevedra, co fin de promover a literatura e espallar os libros. Nela podíanse atopar, entre outras, obras de Castelao, prohibidas pola censura. No eido editorial, foi codirectora de Árbore, a colección infantil de Galaxia, desde o seu inicio.



Preme na imaxe para obter máis información.

Maios

O día 30 de abril pola mañá o CEIP de Ponte Sampaio festexou a festa dos maios; para tal fin estivemos falando no centro de en que consiste esta celebración, cal é a súa orixe e o seu significado.
Logo de coñecermos a tradición dos maios en Galicia procedemos a elaborar o noso maio e as nosas coplas. 
Todo o alumnado do centro participou na elaboración das cantigas e no deseño da estrutura e coroa do maio, logo diso pedimos a colaboración das familias para que nos achegasen fiúncho, flores, ovos... e estivemos decorando o noso maio durante as primeiras horas da xornada e despois cantamos as nosas coplas arredor do maio, cada curso preparou as súas propias coplas e logo todos xuntos cantámolas.
A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. As orixes da festa remóntanse ás antigas civilizacións prerromanas, como a celta. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio pero nós tivemos que adiantala un día e tiña antiguamente conconnotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo. 
A festa consiste en realizar diversas representacións ao redor dunha árbore ou escultura, chamada maio e grupos de nenos/as cantan coplas populares (que tamén reciben a denominación de maios), ás veces dialogadas, mentres camiñan arredor da escultura, acompañados da percusión de dous paus. 
O noso maio consistía nunha armazón de paus de forma cónica, recuberta de tea metálica, que se cubriu de fiúncho. Sobre esta estrutura debuxáronse distintos motivos con flores, follas, fiúncho, fentos,, froitos ou mesmo ovos. O cumio (coroouse cunhas flores. 
Neste actividade participaron todos os nenos/as do cole e o profesorado, e contou coa axuda inestimable das familias e do noso conserxe. 
Este é o primeiro ano que realizamos esta celebración na nosa escola, pero de seguro que non será a única porque foi unha experiencia moi enriquecedora para todo o alumnado. 
Estas son algunhas das coplas que elaborou o noso alumnado: 
HOXE AQUÍ EN PONTE SAMPAIO 
IMOS TODOS CELEBRAR 
QUE CHEGOU O MES DE MAIO 
VEN CONNOSCO A CANTAR.
TEMOS UNHA XOANIÑA 
ELA VIUNOS A CONTAR 
QUE A NATUREZA ESTÁ ENFERMA 
E A TEMOS QUE COIDAR. 
OS INCENDIOS DESTE ANO 
AÍNDA SE ESTÁN A SUFRIR 
NON ESCOITO OS PAXARIÑOS 
QUE PIABAN POR AÍ. 
QUEREMOS CO NOSO MAIO 
AO MUNDO AGASALLAR 
E CO RITMO QUE TRAEMOS 
AOS ANIMAIS ESPERTAR.





E ademais fomos noticia.

venres, 23 de febreiro de 2018

Día de Rosalía

Hoxe pola mañá o CEIP de Ponte Sampaio festexou o acto de conmemoración do Día de Rosalía. Levamos xa uns anos celebrando este acto no colexio, pero era a primeira vez que acudían  representantes de pais e nais para facer unha lectura en familia para toda a comunidade dunha pequena selección de poemas de Rosalía de Castro.
De tal xeito, representantes do alumnado xunto con algún dos seus proxenitores e representantes do profesorado leron poemas de Rosalía e cantaron Adiós ríos, adiós fontes a ritmo de pandereitada.
Con esta pequena conmemoración pretendemos render a nosa máis sincera homenaxe a Rosalía de Castro, unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. A valoración da obra rosaliana e a mitificación da escritora producíronse despois do seu falecemento, posto que ao longo da súa vida esta foi permanentemente menosprezada e marxinada e foi necesario agardar ata o século XX para que recoñecesen en Rosalía a unha creadora e hoxe en día está considerada a escritora galega máis universal.
Actos como o noso supoñemos que se levaron a cabo en moitos centros educativos de Galicia e mañá levaranse a cabo en entidades, asociacións… co fin de abrirlle a fiestra a Rosalía de Castro, xa que como di María Reimondez nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento.
Ademais para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a Asociación de Escritores en Lingua Galega propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor e nós sumámonos a esta iniciativa, agasallándo cunha pequena flor e un poema de Rosalía ao nosos lectores. E despois o alumnado de infantil tamén levou para casa unha flor e un poema de agasallo para eles e as súas familias.

Nesta actividade participou toda a comunidade educativa e foi moi gratificante e enriquecedor para todos.