Buscar neste blog

martes, 21 de maio de 2019

Antonio Fraguas Fraguas





"Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio” esta frase é de Antonio Fraguas, o escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo  homenaxeado o Día das Letras Galegas neste 2019.
Antonio naceu o 28 de decembro de 1905 en Loureiro, unha pequena aldea do concello de Cerdedo-Cotobade, na provincia de Pontevedra.

Era un neno de aldea, vivía coa súa nai Teresa e coa criada Mamá Antonia, a muller que lle ensinou lendas e cantigas. Antonio só coñecía ao seu pai a través de cartas, pois este estaba emigrado no Brasil traballando de canteiro.
Cando Antonio tiña 7 anos o seu pai regresa para levar ao seu fillo para o Brasil e que este se convertera en maquinista de tren. Pero o destino fixo que o pai mudara de idea tras escoitar  “o neno vale para estudar “ da boca do seu mestre.
Grazas ao esforzo de toda a familia Antonio vai estudar o bacharelato a Pontevedra, onde é alumno de Losada Diéguez e  de Castela, mestres que pronto se decataron do potencial de Antonio.

Unha vez rematado o Bacharelato múdase a Santiago onde estuda a carreira de Filosofía e Letras e participa, xunto con outros intelectuais da época no Seminario de Estudos Galegos, nas Irmandades da Fala e nalgúns artigos da revista Nós.
En Santiago Antonio traballaba como mestre de instituto ,como profesor axudante na universidade e ademais  daba clases particulares.

No 1933 trasládase á Estrada onde é un profesor de instituto cunha pedagoxía moi innovadora. Ademais nesta época participa en política no Partido Galeguista e na defensa do Estatuto de Autonomía de Galicia. Estes cargos fixeron que en 1936 cando comeza a Guerra Civil, fose duramente reprimido, quedando expulsado da docencia e perdendo os seus títulos.

Contan os veciños de Cotobade que moitas foron as veces nas que Antonio se escondía no monte por medo a que a garda civil o viñera prender.
Antonio tivo que renunciar a moitas das súas ideas por medo, ata que en 1950 recuperou o seu título de profesor, comeza a publicar de novo (aínda que a maioría de publicacións fosen en castelán) e é nomeado membro da Real Academia Galega.
Outros cargos importantes que tivo Antonio foron: formar parte da Sociedade de Lingua Portuguesa, ser director do Museo do Pobo Galego,  foi nomeado cronista oficial de Galicia e tamén pontevedrés do ano, participou na creación da  Academia Galega das Ciencias, formou parte da Sociedade de Lingua Portuguesa, entre outros.

Antonio morre o 5 de novembro de 1999 en Santiago de Compostela, pero deixounos un gran legado: a cultura galega.