"Eu traballei
sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto
levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar
nunca nada a cambio” esta frase é de Antonio Fraguas, o escritor,
historiador, antropólogo e etnógrafo homenaxeado o Día das Letras Galegas neste 2019.
Antonio naceu o 28 de decembro de
1905 en Loureiro, unha pequena aldea do concello de Cerdedo-Cotobade, na
provincia de Pontevedra.
Era un neno de aldea, vivía coa
súa nai Teresa e coa criada Mamá Antonia, a muller que lle ensinou lendas e
cantigas. Antonio só coñecía ao seu pai a través de cartas, pois este estaba
emigrado no Brasil traballando de canteiro.
Cando Antonio tiña 7 anos o seu
pai regresa para levar ao seu fillo para o Brasil e que este se convertera en
maquinista de tren. Pero o destino fixo que o pai mudara de idea tras
escoitar “o neno vale para estudar “ da boca do seu mestre.
Grazas ao esforzo de toda a
familia Antonio vai estudar o bacharelato a Pontevedra, onde é alumno de Losada
Diéguez e de Castela, mestres que pronto se decataron do potencial
de Antonio.
Unha vez rematado o Bacharelato
múdase a Santiago onde estuda a carreira de Filosofía e Letras e participa,
xunto con outros intelectuais da época no Seminario de Estudos Galegos, nas
Irmandades da Fala e nalgúns artigos da revista Nós.
En Santiago Antonio traballaba
como mestre de instituto ,como profesor axudante na universidade e
ademais daba clases particulares.
No 1933 trasládase á Estrada onde
é un profesor de instituto cunha pedagoxía moi innovadora. Ademais nesta época
participa en política no Partido Galeguista e na defensa do Estatuto de
Autonomía de Galicia. Estes cargos fixeron que en 1936 cando comeza a Guerra
Civil, fose duramente reprimido, quedando expulsado da docencia e perdendo os
seus títulos.
Contan os veciños de Cotobade que
moitas foron as veces nas que Antonio se escondía no monte por medo a que a
garda civil o viñera prender.
Antonio tivo que renunciar a
moitas das súas ideas por medo, ata que en 1950 recuperou o seu título de
profesor, comeza a publicar de novo (aínda que a maioría de publicacións fosen
en castelán) e é nomeado membro da Real Academia Galega.
Outros cargos importantes que
tivo Antonio foron: formar parte da Sociedade de Lingua Portuguesa, ser
director do Museo do Pobo Galego, foi nomeado cronista oficial de
Galicia e tamén pontevedrés do ano, participou na creación
da Academia Galega das Ciencias, formou parte da Sociedade de Lingua
Portuguesa, entre outros.
Antonio morre o 5 de novembro de
1999 en Santiago de Compostela, pero deixounos un gran legado: a cultura
galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario